Posicionamento do Colexio Médico de Ourense ante a Sentenza do Tribunal de Xustiza da UE sobre contratación temporal en Sanidade

General 20/09/2016

O Colexio Médico de Ourense celebra a xusta decisión do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), que sentenciou que a normativa  sobre contratos temporais nos servizos de saúde en España é contraria ao dereito da UE.

Trátase dunha decisión xurídica que considera inaceptable a contratación por días ou semanas de profesionais sanitarios (médicos no noso caso) para atender necesidades supostamente temporais, cando estas son en realidade estruturais e permanentes. Esta práctica que se cronificou nos anos de recortes en Sanidade, supón un serio problema para a continuidade asistencial aos pacientes, sobre todo en Atención Primaria, e dificulta a creación de equipos estables de traballo que garantan unha maior calidade e proximidade na atención aos mesmos. Ademais, estas fórmulas contractuais, agora declaradas contrarias a Dereito comunitario, dificultan a fidelización no sistema dos médicos novos que finalizan a súa especialidade e, como é lóxico, non atopan nesta precariedade crónica  as condicións mínimas para o desenvolvemento das súas expectativas profesionais. O que supón un risco de descapitalización, no noso medio, de recursos humanos con alto nivel de cualificación e a saída da nosa comunidade ou do estado a ámbitos que melloren as ofertas de traballo que aquí reciben.

O noso Colexio Médico xa hai tempo propuxo ao SERGAS, un modelo de contrato temporal de continuidade (6 meses prorrogables) para os médicos  novos sen praza fixa, coa necesaria  elasticidade na súa xestión polas Direccións Asistenciais que permita adaptalos ás cambiantes necesidades  do sistema sanitario público.

Cremos que esta sentenza avala a nosa preocupación, e con ela faise xustiza aos profesionais e beneficia aos pacientes.

Esperamos que esta decisión do TXUE faga reflexionar aos responsables sanitarios e cambie a política de RRHH do SERGAS no noso caso, e tamén do resto do sistema nacional de sa& uacute;de, e determine a implantación de fórmulas de contrato estables para os profesionais sanitarios, que permita pasar páxina a anos  de recortes e avance no mantemento da calidade na asistencia aos nosos enfermos.


Compartir en:

Haz un comentario



*Campos obligatorios

Código de verificación
He leido y acepto la Política de privacidad*