120 anos contigo
Coidando de Ourense

Prólogo

120 anos de historia. 120 anos coidando de Ourense.


Este libro virtual, dinámico, colectivo, será un pequeno repaso da nosa longa historia e, ao tempo, un reflexo da vitalidade da nosa organización profesional. Esperemos, ademais, que os seus primeiros capítulos coincidan co comezo do fin do tempo difícil e doloroso que nos tocou vivir nestes longos meses de pandemia. 
Para a actual Xunta Directiva que hai 3 anos tomou a substitución de tantas outras que se sucederon ao longo do século XX e o que levamos do XXI, é un orgullo representar nesta efeméride a unha institución que durante estes 120 anos traballou pola saúde dos ourensáns, desde uns valores, unha ética e unha misión compartida.


Desde aquela primeira Xunta presidida en 1901 polo Dr. Ramón Quesada Borrajo ata a actualidade, moitos acontecementos e transformacións na sociedade e na medicina tiveron lugar. Pero no esencial, o obxectivo dos médicos de Ourense segue sendo o mesmo: servir á comunidade co maior coñecemento médico e a mellor práctica profesional posibles.


O Colexio Médico de Ourense é a mellor testemuña dos grandes cambios na práctica da medicina na nosa cidade e provincia. No seu legado documental están os primeiros pasos da medicina moderna, dos antigos e modernos hospitais, do exemplo do médico rural dacabalo visitando de día e de noite aos seus pacientes nos lugares máis recónditos, coa climatoloxía máis adversa, sempre dispoñible para curar ou confortar polo menos... Tamén a aparición das primeiras tecnoloxías, os raios X, os antibióticos, as renovadas técnicas anestésicas e cirúrxicas… A chegada da guerra civil, os compañeiros represaliados e exiliados… A seguridade social, a sanidade pública e universal, a eclosión das TICs na práctica asistencial, a feminización da profesión...


Tanta historia e tantos compañeiros que a protagonizaron! Moitos nomes ilustres, embaixadores da medicina ourensá en España e no mundo, pioneiros dos avances científicos máis punteiros… Outros máis anónimos, menos coñecidos, pero non por iso menos importantes na tarefa colectiva da profesión médica nestes 120 anos.
O noso Colexio é un dos máis antigos de España e aínda o é máis se consideramos os anos previos á súa constitución definitiva, compartidos cos nosos colegas farmacéuticos, no Colexio Médico-Farmacéutico de Ourense constituído en 1885.


Nas diferentes instalacións e sedes colexiais tiveron lugar encontros profesionais moi relevantes, conferencias maxistrais das primeiras figuras científicas do momento, cursos de aprendizaxe das novidades tecnolóxicas emerxentes… No ambiente das sucesivas salas que o Colexio dispuxo para estas actividades, sempre se palpou o interese e a paixón polo coñecemento. E o pracer de atoparse, charlar, compartir vivencias e inquietudes.


Tamén foron un espazo para debater sobre os problemas da profesión e defendela, poxando polas mellores condicións para desenvolver unha boa práctica médica. Desde o permanente respecto ás nosas normas deontolóxicas sobre as que as sucesivas Comisións de Ética e Deontología Médica do Colexio achegaron luz e garantía do seu cumprimento á sociedade á que servimos.


No Colexio naceu hai máis de 50 anos nosa querida Academia Médico Cirúrxica que, ano tras ano, deixou o seu pouso de actualización do coñecemento e a aposta compartida pola formación continuada e a promoción da investigación e publicación científica.


Dispoñemos de abundante información: documentos, fotografías, libros… E de compañeiros que levan tempo mergullando na nosa historia. Por tanto, temos as vimbias para construír durante os 12 meses do 2021, capitulo a capitulo, un libro dixital coa Historia do Colexio Médico de Ourense.


Pero queremos que ese proceso sexa dinámico e compartido con todos vós. Por iso pedímosvos que nos fagades chegar as historias, documentos, fotos… sobre o noso Colexio, que poidan enriquecer o libro, ou polo menos ser coñecidos por todos os compañeiros nun repositorio dixital, en paralelo, que terá o seu espazo na nosa web.


E non podemos finalizar sen agradecer, en nome de todos os colexiados que este Colexio tivo e ten, o traballo do noso cronista oficial David Simón Lorda, sen o que este ilusionante proxecto do que é artífice principal, non sería posible. Tamén debemos agradecer a importante colaboración do noso bibliotecario José María Borrajo e de todo o persoal da Oficina colexial.


120 anos contigo. 120 anos coidando de Ourense.

 


Compartir en: