Cada dia hai máis datos e argumentos para considerar aos aerosois (partículas emitidas polo infectado menores a 100 micras, que poden permanecer no aire de espazos pechados e pouco ventilados por un tempo máis prolongado e a maior distancia que as pingas maiores dese tamaño) como unha vía de contaxio do COVID-19.
Sexa esta vía máis ou menos importante cuantitativamente que as xa coñecidas, o Colexio Médico de Ourense cre que, sobre todo para a época fría do ano, é conveniente tomar as medidas necesarias para minimizar o seu impacto, de forma complementaria ás xa coñecidas (distancia individual, máscaras e lavado de mans) que deben seguir sendo a base do noso comportamento diario.
En primeiro lugar, queremos salientar que deben fomentarse as actividades ao aire libre e que a vía telemática para actividades formativas, reunións... ten que ser, polo momento, a idónea. Tamén que, mentres sexa posible, a ventilación exterior continuada (xanelas, portas...) dos espazos interiores ocupados por persoas, é unha medida moi eficiente en todos os sentidos para evitar contagios COVID19, tanto por aerosois como por pingas de maior tamaño.
En todo caso, a Xunta Directiva do Colexio Médico de Ourense decidiu como primeira medida, adaptar a ventilación no seu espazo administrativo e o seu salón de actos para a eliminación de aerosois e a purificación do aire, coa colocación de filtros de aire de partículas de alta eficiencia.
Tamén nas próximas semanas organizaremos unha sesión científica cunha autoridade internacional sobre o tema, da que informaremos oportunamente.
Cremos ademais que as autoridades deberían asumir de forma clara esta vía de contaxio COVID19 e promover/ recomendar en todos os espazos pechados que congreguen persoas -tanto públicos como privados- a adopción de medidas que melloren a ventilación e minimicen tamén esta vía de contaxio. Sen prexuízo de promulgar, máis pronto que tarde, a normativa respecto diso que se considere conveniente e proporcionada.
Xunta Directiva Colexio Oficial de Médicos de Ourense
NOTICIAS RELACIONADAS