O Grupo de Traballo Saúde e Cambio Climático do CGCOM, do que forma parte o noso vicepresidente, José Luis Jiménez Martínez, levou a cabo recentemente unha consulta aos colegiados dos 52 Colexios de Médicos de España. Esta enquisa, cuxo obxectivo foi avaliar o nivel de coñecemento, actitude e práctica dos médicos en relación co impacto ambiental dos medicamentos, revelou un preocupante grao de descoñecemento sobre conceptos clave relacionados co cambio climático e a contaminación ambiental, así como os seus efectos na saúde.
Os resultados da consulta foron presentados nunha Asemblea Xeral, onde se destacou a urxente necesidade de mellorar a formación nestes temas dentro do colectivo médico.
En resposta a esta realidade, o Colexio de Médicos de Bizkaia desenvolveu un glosario titulado “Conceptos e definicións sobre saúde, medio ambiente e cambio climático”. Este documento é unha ferramenta valiosa que busca sensibilizar e educar aos profesionais da saúde sobre a interconexión entre a saúde humana e o medio ambiente.
O Colexio Médico de Ourense invita a todos os seus colegiados e colegiadas a consultar e compartir este glosario nos seus entornos profesionais, contribuíndo así á formación e concienciación sobre estes temas críticos.