O Real Decreto-lei 30/2021, do 23 de decembro, polo que se adoptan medidas urxentes de prevención e contención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, coa súa modificación do apartado 1 do artigo 14 do Real Decreto-lei 8/2021, do 4 de maio, estende ata o 31 de decembro de 2022 a posibilidade de que o persoal médico e enfermeiro compatibilice a percepción da pensión de xubilación coa súa incorporación ao servizo activo para prestar servizos en tarefas dirixidas á loita contra a COVID-19.
A grave situación epidemiolóxica actual, na que a taxa de incidencia de casos de infección polo SARS-CoV-2 continúa aumentando, fai necesario posibilitar e impulsar esa incorporación na medida en que sexa precisa, atendendo para iso a criterios homoxéneos de actuación, procedemento e formalización documental.
Con base no que antecede, esta Xerencia, no exercicio das competencias atribuídas no artigo 5 do Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, procede a ditar as seguintes:
INSTRUCIÓNS
Primeira. Ofertas e solicitudes de incorporación
As ofertas de reincorporación que se consideren necesarias estarán dirixidas prioritariamente ao persoal médico e enfermeiro xubilado que tivo o seu último destino na área sanitaria e que, pola súa traxectoria profesional, conte cunha presumible maior capacidade para o desempeño de tarefas de loita contra a COVID. Inicialmente ofertarase a incorporación ás persoas que leven menos de
tres anos xubiladas e non superen os setenta anos de idade. Os mesmos criterios aplicaranse para atender as solicitudes de reincorporación que, de ser o caso, se reciban de profesionais interesados/as.
En aras da protección da seguridade e saúde dos/das profesionais e da calidade asistencial, a xerencia da área sanitaria poderá requirir en calquera momento da UPRL ou órgano competente, con carácter previo ou posterior á reincorporación, a verificación da capacidade funcional das persoas chamadas a incorporarse ou xa incorporadas.
Segunda. Autorización, formalización, retribucións e seguridade social
As reincorporacións deberán ser previamente autorizadas pola dirección xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde e formalizaranse, cunha duración de tres meses prorrogables, no modelo que figura como Anexo.
A incorporación será compatible coa pensión de xubilación, e realizarase nas condicións retributivas persoais na data da xubilación (con excepción das contías complementarias adicionais vinculadas a funcións de xefatura ou coordinación no momento da xubilación, de ser o caso). En materia de seguridade social (afiliación, alta, baixa, variación de datos, protección fronte a continxencias...) aplicarase o disposto no artigo 14 do Real Decreto-lei 8/2021, do 4 de maio, e demais normativa complementaria de aplicación.
Terceira. Prestación de servizos e asignación de tarefas
As xerencias das áreas, no exercicio das facultades atribuídas no Decreto 134/2019, do 10 de outubro, polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios, determinarán o lugar de prestación de servizos das persoas incorporadas -sen que sexa necesariamente aquel no que prestaban servizos cando accederon á xubilación- e as tarefas asignadas en relación coa
COVID-19 para diminuír a carga asistencial dos/das demais profesionais. A asignación de tarefas atenderá ás necesidades actuais, sen tomar necesariamente como referencia as realizadas no momento da xubilación (por exemplo, as tarefas serán as propias dunha praza básica, á marxe de que naquel momento se desempeñara un posto de xefatura ou coordinación).
A prestación de servizos poderá ser a xornada completa ou parcial. No caso do persoal médico priorizaranse as tarefas relacionadas coa xestión da IT e a solicitude de PCR a pacientes que así o precisen. O/a profesional incorporado/a disporá dunha axenda propia e un consultorio habilitado para a súa actividade asistencial diaria.
Na asignación de lugar de traballo e tarefas respectaranse os protocolos
específicos en materia de prevención de riscos laborais.