Chamada Urxente á Acción: Carta Aberta do Colexio Médico de Ourense á Xerencia da área Sanitaria de Ourense, Verin e O Barco de Valdeorras

Posicionamentos Medios de comunicación 06/03/2024

O Colexio Médico de Ourense manifesta publicamente o seu apoio ás/os compañeiras/os que nos últimos meses están a reclamar -con concentracións, escritos…-, solucións á insostible situación na que se atopa a nosa Área Sanitaria, nunha deriva permanentemente negativa que parece non ter fin. É certo que algúns dos problemas son compartidos con outras áreas sanitarias de Galicia e do estado español, pero en Ourense sumáronse problemáticas específicas que, aínda que afectan ao conxunto, neste momento teñen ao bordo do colapso a varios servizos, algúns da importancia de Urxencias ou Oftalmoloxía.


A pesar de expolo en varias ocasións en reunións coa Xerencia, o equipo directivo non foi capaz de afrontar un plan sólido, consistente e excepcional para solucionar as carencias e disfuncións crónicas que sofre desde hai anos a nosa Área Sanitaria, polo que estas fóronse agravando día tras día.


Non é de recibo apelar, como se fixo estes días, a un maior esforzo aos médicos que xa levan facéndoo desde hai demasiado tempo, e propoñer medidas superficiais e meramente conxunturais que ademais crean máis malestar e agravios comparativos entre os profesionais.


É o momento, pola contra, de abordar os problemas estruturais que provocan esta situación de excepción. E de cambiar o tipo de xestión -se o actual equipo directivo é capaz diso-, saíndo da rixidez administrativa habitual, e tomando as decisións necesarias para poder reverter a moi difícil situación en que nos atopamos.


Desde o apoio incondicional a nosas/os compañeiras/os, esiximos ao equipo directivo respecto aos profesionais e un plan de rescate urxente da área Sanitaria. Para iso nosa disposición, como sempre, a achegar de forma construtiva o que se considere útil.

XUNTA DIRECTIVA COLEXIO MÉDICO OURENSE


Compartir en:

Fai un comentario



*Campos obrigatorios

Código de verificación
Lin e acepto a Política de privacidade*